O Lumia 928 presume de tomar boas imaxes con pouca luzTras o lanzamento do Nokia Lumia 920 moitos foron os rumores que apuntaban a que contaría cunha versión redeseñada en poucos meses, e finalmente ve a luz nos EE.UU. da man da operadora Verizon o Nokia Lumia 928, que pretende converterse no novo móbil insignia de Nokia mantendo practicamente as mesmas prestacións que o seu predecesor, pero integrando un flash de xenon, amosando unha aparencia máis estilizada que chega a afectar ao seu peso (que baixa dos 185 aos 162 gramos) e mudando a tecnoloxía de pantalla de IPS a AMOLED e os altofalantes (pasou de dous pequenos altofalantes na parte inferior a un grande altofalante na parte traseira). O móbil presenta un deseño diferente ao do Lumia 920O Nokia Lumia 928 porase á venda o vindeiro xoves nos EE.UU. a un prezo de 99 dólares (cun compromiso de permanencia de 2 anos con Verizon) que como principal argumento comercial emprega a súa cámara fotográfica de 8,7 Mpíxeles, cunha apertura f2.0, estabilización óptica de imaxe, flash de xenon e unha chea de software de Nokia que consegue superar ao resto de móbiles do mercado na gravación de vídeo e na captura de imaxes en condicións con pouca luz. Este novo móbil fuxe da variedade cromática do Lumia 920, e ofrécese só en cores sobrias (branco ou negro). O martes que vén ás 11:00 está previsto que Nokia dea unha rolda de prensa en Londres, que podería servir para anunciar os plans de comercialización deste novo móbil en Europa.