Un novo proxecto de micromecenado busca facerse realidade, e vai camiño de ser así, pois o novo tablet con Android chamado Earl está a recibir moitos apoios de cara a conseguir os 250.000 dólares que posibiliten a súa fabricación, tendo que achegar os usuarios que queiran facerse cun destes dispositivos 249 dólares (o que supón un aforro do 30% con respecto ao seu prezo de venda final).
¿Que ten de especial este tablet? Pois este dispositivo con Android 4.1 destaca por combinar pantalla de tinta electrónica (de 6 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles), GPS, sensor meteorolóxico e tecnoloxía de comunicación de radio, que xunto cunha construción sólida (resiste auga, po, golpes e temperaturas extremas) e a posibilidade de cargar a súa batería de 3.000 mAh (que achega unha autonomía de 20 horas) mediante un panel solar (que pode cargar a batería en só 5 horas), convérteno nun asistente ideal para aventureiros.

Haberá que agardar uns meses para ver se este produto consegue ofrecer todo o que promete, pero de seguro que moitos exploradores de todo o mundo estarán a colocar no seu punto de mira este proxecto de crowdfunding.
Buscan financiamento para fabricar un tablet para aventureiros
Compartir Este Artigo

