Hoxe chega ás tendas de videoxogos en versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC o xogo Remember Me, título moi agardado polos seareiros da cultura cyberpunk ambientado no ano 2084 en Neo-París. Neste mundo futurista os recordos poden dixitalizarse, mercarse, venderse e intercambiarse, no que pode entenderse como unha evolución das redes sociais actuais, levando ao mundo a unha sociedade vixiada a cambio da comodidade que a tecnoloxía intelixente achega. Neste escenario sitúase Nilin, unha cazadora de memoria de elite que pode penetrar na mente doutras persoas e roubar ou alterar os seus recordos, que emprende unha aventura para recuperar a súa memoria mentres as autoridades que crearon esta sociedade controlada a perseguen temerosas das súas habilidades e coñecementos.
Estamos ante un xogo de acción en terceira persoa, con moita acción, unha estética e ambientación moi coidadas e distintas mecánicas de xogo combinadas, de xeito que alternaremos momentos de aventura con trepidantes combates e hackeos de recordos. Un título moi recomendable para os que busquen unha narrativa sólida e lineal cunha ambientación futurista.
Trailer de lanzamento de Remember Me
