LG Electronics e Ubitus pecharon un acordo para levar o servizo de xogo na nube GameNow á última liña de televisores Smart TV de LG, de xeito que os que merquen un destes televisores nos EE.UU. poderán comezar a gozar de grandes videoxogos e títulos masivos en liña sen precisar dunha videoconsola, nin de discos ou descargas. Entre os xogos dos que poderá gozarse están Street Fighter X Tekken e Batman: Arkham City, que precisarían dun hardware esixente para funcionar, pero que agora poden correr directamente no televisor dado que se sosteñen nos servidores de GameNow, dun xeito semellante a como fará a PlayStation 4 para reproducir xogos de PS3 (para o que tirará proveito da tecnoloxía de Gaikai). Outros xogos cos que contará o servizo, e que poden probarse antes de mercarse, serían Resident Evil, Devil May Cry, Test Driver Unlimited 2 e Blade Kitten.
Os televisores de LG (concretamente os modelos LA7900, LA8600 e LA9600) poden participar na fase de proba aberta de GameNow, a través do LG Smart World, aínda que cómpre destacar que esta tecnoloxía tamén está dispoñible de xeito xeral para televisores coa tecnoloxía Google TV, para dispositivos móbiles (a través dun acordo coa operadora norteamericana Verizon) e, nos vindeiros meses, en ordenadores persoais (Windows e OS X). Para poder xogar nos televisores de LG é preciso facerse con algún dos mandos compatibles con GameNow (os Logitech F310, F510, F710 e Rumble-Pad2 e Joytron Rumble Power e Rumble Power2).
O servizo de xogo na nube GameNow chega aos televisores de LG
Compartir Este Artigo
