Hai preto dun ano o proxecto de micromecenado para desenvolver unha consola de videoxogos baseada en Android provocou unha expectación elevadísima, levándoo a bater marcas en Kickstarter, pero esta elevada demanda tamén dificultou a súa culminación, de xeito que tardaron máis meses do agardado en entregar as primeiras unidades aos entusiastas que quixeron financiar o proxecto, o que adiou considerablemente o seu lanzamento comercial, que finalmente chega hoxe a EE.UU. e Reino Unido. A consola Ouya cun mando sen fíos pode así adquirirse por 99,99 dólares, podendo mercarse un mando adicional por 49,99 dólares, mentres que no Reino Unido a consola custa 99,99 libras esterlinas (e o mando 39,99 libras).
Aínda que a consola de 82 x 75 x 75 milímetros estea xa á venda, non resulta doado facerse cunha unidade, pois a forte demanda que ten fai complicado que poidan atenderse os pedidos actuais, o que provoca que as tendas que distribúen o produto queden sen existencias rapidamente.
A Ouya funciona cun procesador nVIDIA Tegra 3 de catro núcleos, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante USB), 1 porto USB 2.0 normal, un porto micro USB, Wi-Fi N, Ethernet, Bluetooth e HDMI e, aínda que grazas a funcionar con Android podería ter moitas utilidades (como a reprodución multimedia), está orientada principalmente para correr videoxogos Free-to-Play e de balde, elemento co que buscan atraer a un certo tipo de xogadores que non teñen atrancos para experimentar con títulos descargables, contando esta plataforma xa con preto dun par de centos de aplicacións dispoñibles. Queda agora por ver se este orixinal proxecto fica nunha anécdota ou convértese en toda unha revolución no mundo dos videoxogos.
Sae á venda Ouya, a consola de videoxogos baseada en Android
Compartir Este Artigo
