Esta mañá presentouse en sociedade para España o agardado móbil Nokia Lumia 925, un smartphone que toma como base o popular Lumia 920, pero reducindo o seu grosor e peso e engadíndolle un estilizado deseño metálico, buscando así agradar a un maior público, á vez que ofrece a mellor experiencia de uso que podemos acadar cun móbil con Windows Phone 8, grazas non só polo seu hardware, senón tamén polas aplicacións exclusivas que Nokia desenvolve para a súa familia Lumia.

Este novo móbil, ao desprenderse da carcasa de policarbonato ten unha menor diversidade cromática que o Lumia 920, ofrecéndose só en negro, branco e gris, aínda que a carcasa externa que incorpora ao terminal a posibilidade de cargar a súa batería sen fíos está dispoñible en branco, negro, amarelo e vermello (o que permite que os usuarios que o así o desexen poidan gozar dun dispositivo menos sobrio).

Tamén destaca a cámara frontal de 8.7 Mpíxeles, que grazas ao seu estabilizador óptico de imaxe convértese na mellor cámara para un dispositivo móbil, especialmente á hora de disparar fotografías con pouca luz ou gravar vídeo.
Este atractivo móbil continúa a gozar das aplicacións de Nokia como Nokia Música con Mix Radio (que facilita streaming musical de balde) ou o sistema de mapas HERE con navegación GPS (que mesmo ten voz en galego), servizos que contribúen a que Nokia sexa o fabricante líder de produtos con Windows Phone 8.
O lanzamento español do Nokia Lumia 925 chega co apoio de Movistar, Vodafone e Orange, operadores que queren ofrecer este atractivo terminal aos seus clientes, o que no caso de Orange quere aproveitarse para dar a coñecer a súa nova rede de telefonía 4G. Vodafone, pola súa banda, terá en exclusiva unha versión do móbil con 32 Gb de almacenamento interno (mentres que o resto terán que conformarse con 16 Gb, elemento que contribúe a que poida venderse a un prezo considerablemente menor ao do Lumia 920).
Sobre o prezo do novo smartphone, que debería poder adquirirse dende o vindeiro luns, Movistar ofrecerao a 580 euros (ou 24 mensualidades de 20 euros + IVE) destacando por promocionar este terminal cunha campaña televisiva; Vodafone pola súa banda permitirá adquirir por o terminal nas tarifas RED por 16 euros + IVE ao mes (o que sumaría un total de 464,64 euros); mentres que Orange agardará ao mes de agosto para ofrecer o móbil en 24 mensualidades de 14 euros + IVE (o que suma 406,56 euros). Ao parecer o Nokia Lumia 925 non estará dispoñible no mercado libre ata despois do verán (agás que se adquira a través de certas tendas en liña).
Chega a España o Nokia Lumia 925
Compartir Este Artigo

