Dende o coñecido como PSNGate as intrusións en servidores de videoxogos en liña puxéronse moi de actualidade, e o último xogo en caer ante un ataque é o popular League of Legends, aínda que polo que parece só se viron afectadas contas de usuarios norteamericanos, dos que quedaron expostos os seus nomes de usuario, enderezo de e-mail, contrasinal codificado, nome e apelido, polo que recomendan o cambio de contrasinal por seguridade. Pero nesta intrusión expuxéronse tamén 120.000 rexistros de transaccións realizadas de 2011 que contería datos de pagamento (números de tarxetas de crédito), polo que dende Riot Games están a analizar os datos subtraídos para poder advertir aos usuarios afectados, aínda que tamén dan conta de que este tipo de información de pagamento xa non a almacenan dende xullo de 2011.
A seguridade de League of Legends vai mellorarse en breve, estando xa a traballarse nun sistema de verificación de e-mail (de xeito que sexa preciso estar rexistrado cun enderezo de correo electrónico válido) e tamén na posibilidade de identificarse en 2 pasos (de xeito que para mudar o e-mail ou o contrasinal será preciso verificar a operación por correo electrónico ou mensaxes de texto).
Rouban datos de usuarios e de pagamentos do xogo League of Legends
Compartir Este Artigo
