As Tartarugas Mutantes non queren deixar de repartir estopa nas rúas de New York, e dende hoxe poden volver facelo no seu xogo descargable Teenage Mutant Ninja Turtles: Out of the Shadows, no que poderemos encarnar a Leonardo, Donatello, Raphael e Michelangelo nas súas batallas contra os mutantes, o Clan do Pé e o Desfibrador nun beat’em up bastante clásico que ten a súa forza en modos multixogador de ata 4 usuarios simultáneos.
Este novo título é un dos destacados para Xbox 360 dentro do Summer of Arcade, vendéndose para a consola de Microsoft por un prezo de 14,39 euros, aínda que tamén está dispoñible para PC por 14,99 euros (en breve tamén chegará á PS3).
Teenage Mutant Ninja Turtles: Out of the Shadows conta con modo campaña, arcade, desafío e adestramento en dojo; permite xogar ata 2 usuarios en local e ata 4 en liña, ten numerosos ataques combinados e será o primeiro dunha triloxía.
Estamos ante un xogo das Tartarugas Mutantes cun toque algo adulto, mentres que para os afeccionados á última serie de animación emitida en España por Clan e Nickleodeon sería máis recomendable agardar ao mes de outubro para facerse con outro xogo dos sapoconchos máis marciais, que desta volta si tomará unha aparencia máis infantil.
Novo xogo descargable das Tartarugas Mutantes
Compartir Este Artigo
