Conscientes do cada vez maior uso que fan os cativos dos dispositivos con pantalla táctil, Samsung presenta o seu novo Samsung GALAXY Tab 3 Kids, un tablet deseñado especificamente para os pequechos que inclúe ferramentas educativas e de seguridade para a tranquilidade dos pais.
O tablet non só inclúe aplicacións precargadas, senón que tamén incorpora unha tenda de aplicacións específicas para os nenos, á vez que permite que os proxenitores poidan elixir que aplicacións están dispoñibles para os seus fillos a través dun Administrador de Aplicacións.
A esta última funcionalidade súmaselle un Administrador de Tempo, de xeito que pode definirse un horario no que os pequenos poden empregar o tablet e, de querer manexalo noutro horario, será preciso introducir un contrasinal para desbloquear o dispositivo.
O Samsung GALAXY Tab 3 Kids funciona cun procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb) e Android 4.1, ten unha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, cámaras de 3 e 1,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, USB 2.0, batería de 4.000 mAh, un grosor de 9,9 milímetros e un peso de 302 gramos. Vén equipado cun lapis C Pen para que os pícaros poidan debuxar na súa pantalla e pode protexerse cunha funda de doado agarre ou colocarse nun soporte que facilite o seu uso para a reprodución de contidos audiovisuais. Chegará ao mercado coreano a primeiros de setembro, pasa pasar despois a distribuírse no resto de mercados (entre os que figura o europeo).
Samsung presenta un novo tablet infantil
Compartir Este Artigo

