Nintendo publicou hoxe un Pokémon Direct, vídeo no que realizaron varios anuncios de cara ao lanzamento dos xogos Pokémon X e Pokémon Y para Nintendo 3DS o vindeiro 12 de outubro, entre os que destacaba especialmente o anuncio de que este ano estrearán un Banco de Pokémon, un servizo na nube que a través da aplicación para 3DS Poké Trasladador permitirá gardar na Internet os Pokémon que teñamos coleccionado en Pokémon Edición Negra, Pokémon Edición Blanca, Pokémon Edición Negra 2, Pokémon Edición Blanca 2, Pokémon X e Pokémon Y ata un total de 3.000 criaturas que poderemos recuperar cando consideremos oportuno, aínda que cómpre destacar que este servizo terá unha cota anual por determinar.
Outro anuncio destacable do xogo é que o vindeiro día 27 poranse á venda en Europa edicións especiais da Nintendo 3DS XL de cor vermello e azul inspiradas no novo xogo de Pokémon. Estamos simplemente ante modificacións estéticas das consolas, e non de lotes co novo xogo incluído (principalmente por chegar ás tendas antes do propio lanzamento dos novos xogos).
Vídeo co Pokémon Direct de hoxe
