
iPhone 5C: plástico, cores, pero pouco económico
Pero o sistema operativo non podía ser a estrela da xornada, principalmente porque leva meses en probas, de xeito que dista moito de ser unha novidade para o público, aínda que os anuncios de verdade tampouco foron unha sorpresa, senón a confirmación de que este ano teremos un sucesor do iPhone 5 chamado iPhone 5S, e un modelo económico chamado iPhone 5C.
O iPhone 5C podería considerarse realmente como o produto que realmente captaba unha maior atención esta tarde, polo que podería supor a chegada ao mercado dun smartphone de Apple considerado como de baixo custo, o que para moitos foi unha grande decepción, pois finalmente o iPhone 5C non deixa de ser unha versión do vello iPhone 5 ao que se lle colocou unha carcasa de policarbonato de cor verde, azul, amarela, rosa ou branca, e á que se lle mellorou a cámara frontal (para permitir a captura de vídeo a 720p).
Pero a grande decepción chegou o verse que o prezo será o habitual para o iPhone do ano anterior, ou sexa, que o iPhone 5C o que fará realmente é substituír ao iPhone 5 no catálogo de Apple, ofrecéndose a un prezo duns 100 euros menos que o seu irmán maior, o iPhone 5S. A opción máis barata que quedaría dispoñible sería a do iPhone 4S, que xa mudou o seu prezo libre aos 399 euros, e que nos EE.UU. ofrecerase de balde con algunhas operadoras (cun plan de datos e un compromiso de permanencia de 24 meses).
Un detalle curioso sobre o iPhone 5C é que, pese a que xa se vende en cores rechamantes, contará con fundas de distintas cores, que incluso teñen buratos para deixar ver a carcasa do móbil, que ao ofrecerse en 6 cores distintas crean un total de 30 combinacións cromáticas que conseguir ao combinar móbil e funda.
Vídeo de presentación do iPhone 5C
iPhone 5S: máis potente, con mellor cámara e con sensor biométrico
O smartphone que si foi unha novidade real é o iPhone 5S, que conserva a aparencia externa do iPhone 5, aínda que agora estará dispoñible en cor gris espacial, ouro e prata, podendo tamén combinarse con fundas de pel de 6 cores distintas. Os cambios do dispositivo serían pouco visibles, como no seu procesador, que dá o salto aos 64 bits co seu procesador A7 e o seu co procesador M7 (que aseguran que conseguirían un rendemento ata 40 veces máis rápido que o primeiro iPhone); a súa cámara, que aínda que mantendo os 8 Mpíxeles, ofrece un sensor máis grande, unha apertura maior (f/2,2) e unha maior sensibilidade á luz, conseguindo, en definitiva, unhas fotografías de máis calidade; a cámara tamén destaca por incorporar un Flash True Tone (composta por un LED branco e outro ámbar, que se axustan para conseguir a mellor iluminación posible segundo as circunstancias) e por estrear un modo de gravación a 720p de 120 fotogramas por segundo (o que resulta moi práctico para xerar secuencias a cámara lenta); a cámara frontal tamén estrea vídeo a 720p; e , finalmente, o botón de Home agocha un sensor biométrico que recoñece ao usuario pola súa pegada dixital (prestación limitada inicialmente ao desbloqueo do terminal e á autorización de pagamentos, permanecendo bloqueada para aplicacións de terceiros).
O sensor biométrico do iPhone 5S explicado en vídeo

Os interesados en ver a presentación de hoxe, que non puido seguirse en directo a través da web, poden vela en diferido dende a páxina web de Apple.
Vídeo no que podemos ver as melloras da cámara do iPhone 5S

