Mañá é a data na que oficialmente chega ás tendas o xogo Grand Theft Auto V, e aínda que é posible mercalo nalgún establecemento que non respectou a data de lanzamento, a expectación está a ser moi elevada, e nestas últimas horas chegan informacións un tanto curiosas sobre o que promete ser a meirande estrea do ano no que respecta ao lecer electrónico (que incluso hai quen o ve como rival do lanzamento da Xbox One e a PS4).
No que respecta á versión de Xbox 360 dende Rockstar están a facer unha recomendación bastante sorprendente, que consiste en que, tras instalar no disco duro da consola os 7,7 Gb de datos incluídos no primeiro disco do xogo, non se realice a instalación do segundo disco, o que emprégase para xogar con normalidade nas seguintes ocasións, pois afecta ao rendemento do xogo, que amosa problemas á hora de cargar texturas e elementos durante as partidas. Ao parecer o xogo está optimizado para cargar do disco óptico e do disco duro á vez, de xeito que se só cargásemos os seus datos do disco duro, afectaríase ao desempeño do xogo.
ACTUALIZACIÓN (17-9-2013): Ao parecer, os problemas de rendemento poden solucionarse de instalarse o disco de xogo nunha unidade USB en vez de no disco duro interno da consola.

GTA V estrea aplicación móbil
Compartir Este Artigo
