O Observatorio da Sociedade da información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de publicar o seu informe sobre Internet e Banda Larga nos Fogares Galegos (que podemos descargar en formato PDF) que destaca un crecemento significativo dos accesos a Internet dende o móbil por parte da cidadanía galega, destacando que nos últimos tres meses o 64,8% dos galegos usuarios da Internet empregaron algún tipo de dispositivo móbil para acceder á Rede, de xeito que estariamos 8,8 puntos sobre a media do Estado.
Segundo se recolle no informe un 56,3% de fogares galegos dispón de conexión a Internet e un 53,1% ten contratada unha conexión de banda larga. O ritmo de crecemento da banda larga en Galicia no intervalo 2008-2012 foi dun 67% e en España dun 49,6%.
Na contratación da Internet inciden de xeito importante as variables xeográficas e demográficas de cada zona. O análise do OSIMGA indica que a contratación de banda larga aumenta a medida que o fai o número de habitantes do concello ata acadar un 64,4% nos municipios con máis de 50.000 habitantes fronte ao 32,8% dos concellos de menos de 5.000 habitantes.

O factor económico é outra variable que incide no grao de contratación de banda larga. Un 83% dos fogares con renda superior a 3.500 euros teñen banda larga fronte ao 19,7% dos fogares con ingresos inferiores aos 600 euros.
A composición do fogar garda de novo una evidente relación coa banda larga. Un 71,2% dos fogares compostos por 4 membros contan con banda larga fronte ao 31,4% dos fogares unifamiliares. A presenza no fogar de nenos en idade escolar obrigatoria consolídase como un factor significativo para a contratación de banda larga. O 68,4% dos fogares onde residen nenos dispoñen de conexión a banda larga, 20,1 puntos máis que no resto de fogares.
Galicia destaca no acceso móbil á Internet
Compartir Este Artigo
