Dende Ubisoft dan conta hoxe do lanzamento norteamericano do xogo musical Just Dance 2014, unha iteración tan esperada como previsible, que buscará animar os salóns de moitos fogares ao ritmo da música diante dunha Xbox 360 (con Kinect), PlayStation 3 (con Kinect), Wii ou Wii U, e que en poucas semanas contará tamén con versións para Xbox One e PlayStation 4, ofrecendo un catálogo de máis de 40 cancións coas que cantar e bailar, ás que poderán incorporarse moitos outros temas (algúns dos mesmos están dispoñibles para a súa descarga de balde).
Curiosamente dende España xa podemos gozar deste título dende hai unha semana, permitindo que gocemos de temas actuais como Applause de Lady Gaga, Get Lucky de Daft Punk, Starships de Nicki Minah, Kiss You de One Direction, She Wolf de David Guetta e Roar de Katy Perry, sen esquecer o Gentleman de PSY e unha chea de clásicos (Y.M.C.A. dos Village People, Ghostbusters de Ray Parker Jr., I Will Survive de Gloria Gaynor…).
Just Dance 2014 aproveita as posibilidades de cada plataforma (especialmente no que a controis de movemento se refire), e avanza na súa sociabilidade ofrecendo a posibilidade de conectarse á Rede para compartir experiencias con outros xogadores de todo o mundo, para o que estrea a Pista de Baile Mundial. Todo un éxito seguro que pode completarse coa aplicación móbil Autodance 2014, dispoñible de balde para iOS e Android, e que permite crear vídeos con algúns dos grandes éxitos de Just Dance 2014 (concretamente con Get Lucky, Blurred Lines, Kiss You, Ghostbusters e Feel So Right).
Trailer de lanzamento de Just Dance 2014
