Tras completarse a historia de Batman: Arkham co seu segundo videoxogo, Rocksteady Games dicía adeus á franquía, para pasarlle o relevo a Warner Bros Games Montreal, estudo que se encargará das precuelas que comezan con Batman: Arkham Origins, que finalmente hoxe saíu á venda para Xbox 360, PlayStation 3 e PC (a versión para Wii U sairá máis adiante), e ante as dúbidas sobre a calidade do xogo, finalmente a prensa especializada publicou as críticas deste título confirmando o que era de esperar: estamos ante un título de grande calidade, pero que segue unha liña conservadora, sen achegar novidades significativas e amosando un argumento sólido que de seguro que satisfará aos seareiros da saga.
A versión para Xbox 360 ten unha puntuación en Metacritic de 79 sobre 100, bastante por debaixo dos 92 e 94 que conseguiran Batman: Arkham Asylum e Batman: Arkham City, o que xustifican practicamente todos os medios polo continuismo desta entrega (criterio que está a ser bastante discutido polo público, que non entende por que a esta saga se lle castiga por algo que está máis acentuado en numerosas sagas con entregas anuais).
Unha das novidades a destacar desta volta é que o xogo vén acompañado por un título para consolas portátiles, Batman: Arkham Origins Blackgate, que tamén púxose hoxe á venda para PlayStation Vita e Nintendo 3DS, e que foi desenvolvido por Armature Studio, que as críticas consideran que é un xogo divertido, aínda que a súa mecánica bidimensional imponlle limitacións que nos están presentes nas consolas domésticas, polo que parece apto principalmente para os que gozan de mecánicas herdadas dos clásicos Castlevania e Metroid.
Sae á venda Batman: Arkham Origins
Compartir Este Artigo
