Ao longo deste mes ARCHOS vai pór á venda por 269 euros o seu novo tablet ARCHOS 101 XS 2 incluíndo unha cuberta magnética que fai á súa vez de teclado e soporte, para facilitar o uso de aplicacións ofimáticas (o dispositivo inclúe OfficeSuite Pro 6 preinstalado) e a visualización de contidos multimedia.
O ARCHOS 101 XS 2 é o último dispositivo da gama Gen11, con certificación de Google (funciona con Android 4.2) e cun hardware notable, pois funciona cun procesador de catro núcleos a 1,6 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, altofalantes estéreo frontais e dobre cámara de 2 Mpíxeles. Tamén inclúe Wi-Fi de dobre banda (5 GHz e 2,4 GHz) para conseguir unha conexión máis estable e menos conxestionada, incluíndo tamén Bluetooth e GPS.
O corpo do tablet ten un grosor de 10,1 milímetros e un peso de 636 gramos, mentres que a cuberta-teclado ten un grosor de 5 milímetros e pesa 200 gramos, presentándose como unha boa opción para os usuarios que demanden un tablet con Android, pero queiran poder redactar textos ou empregar follas de cálculo sen ter que empregar un ordenador.
ARCHOS incluirá funda-teclado co seu novo tablet con pantalla de 10,1 polgadas
Compartir Este Artigo

