Seguindo os pasos de Tiny Tower, considerado por Apple como o Xogo do Ano 2011 para iPhone, temos agora un novo título multi-plataforma que tira proveito da franquía de Star Wars para acadar un maior impacto, Star Wars: Tiny Death Star, que xa está dispoñible de balde para iOS, Android, Windows Phone 8 e Windows 8. Para rendibilizar a aplicación o xogo inclúe a posibilidade de adquirir con cartos reais moedas virtuais (chamadas bux imperiais).
Este xogo desenvolveuse coa colaboración de LucasArts e NimbleBit (creadores do mencionado Tiny Tower), e consiste na construción da Estrela da Morte nivel por nivel, creando vivendas e establecementos comerciais, dando a impresión de que estamos ante un grande centro comercial cuxos beneficios irán para financiar o seu funcionamento e os malvados plans do Emperador.
O xogo permite construír máis de 80 tipos de pisos residenciais e comerciais cunha estética propia da franquía de Star Wars, os cidadáns teñen un estilo gráfico de 8 bits con máis de 30 especies (entre as que non faltan os peludos wookies e ewoks) e incluso capturar a espías rebeldes que logran infiltrase na Estrela da Morte.
Durante as partidas iranse desbloqueando interesantes momentos da historia na que aparecerán personaxes sacados das películas da saga galáctica como Han Solo, Jabba o Hutt e moitos outros.
Trailer en inglés do xogo (que tamén está dispoñible en español e portugués, entre outras linguas)l
Xa podemos xogar a construír a nosa pequena Estrela da Morte en numerosos dispositivos
Compartir Este Artigo
