Nun momento no que a iniciativa Humble Bundle está a ofrecer durante dúas semanas un impresionante lote de xogos da Warner e durante unha semana un lote de xogos de Daedalic Entertainment, sorprende estreando unha terceira fórmula de comercialización de xogos para contribuír a causas benéficas: a Humble Store. Esta nova tenda en liña ofrecerá xogos a un prezo fixo (en vez de permitir elixir o prezo ao usuario, como nas fórmulas anteriores) e destinará o 10% dos ingresos a entidades benéficas como a Cruz Vermella, Child’s Play, Fronteiras Electrónicas (EFF), World Land Turst e Charity Water. Lembremos que ata o momento os proxectos desta iniciativa achegaron máis de 28 millóns de dólares a entidades sen ánimo de lucro.
Para animar aos usuarios a adquirir xogos por esta nova canle non só seleccionarán grandes títulos, senón que estes chegarán a prezos atractivos, como demostra a promoción de lanzamento, que durante un día ofrece xogos como Don’t Starve, Euro Truck Simulator 2, Rogue Legacyou Orcs Must Die! 2 con descontos de entre o 50 e o 75%.
Esta nova tenda en liña incluirá novos xogos diariamente, achegando actualmente títulos para Windows, OS X e Linux (aínda que non sería de sorprender que engadisen xogos para Android en breve, pois esta plataforma estivo presente en varios Humble Bundle).
Vídeo promocional da nova Humble Store
Humble Store: unha nova tenda en liña de videoxogos para achegar fondos a entidades benéficas
Compartir Este Artigo
