Sony burlouse de Microsoft na pasada edición do E3 cun vídeo no que informaban da facilitade para prestar xogos de PlayStation 4, o que contrasta cos novos termos de uso do seu softwareÁs portas do lanzamento da PlayStation 4, que chega este mes ás tendas, Sony actualiza os termos de uso do seu software, creando un profundo malestar entre moitos usuarios por detallar que “o software ofrécese con licenza” (ou sexa, que o usuario non sería propietario dos xogos, senón dunha licenza de uso que “non é exclusiva nin transferible”), detallar a prohibición do aluguer de xogos e a emulación do software e incluso asegurar que o usuario “non debe revender o Software en soporte físico nin o Software descargable”, condicións que non parece que vaian a esixir a curto prazo, pois iría totalmente en contra do que anunciaron durante a presentación da PS4, e podería supor ter serias consecuencias comerciais para a compañía, que vería como os usuarios optan pola competencia na nova xeración de consolas. De feito, Shuhei Yoshida, presidente da división de videoxogos de Sony, apresurouse a afirmar a través de Twitter que os usuarios poderán seguir vendendo os seus xogos en disco. Pero non só a posibilidade de que Sony poida tomar medidas contra o aluguer e a segunda man está a preocupar aos consumidores, senón tamén o feito de que detallan que se reservan o dereito de rexistrar todas a actividade en liña que se realice na súa plataforma en liña, ou sexa, que podería gravar información sobre as partidas, pero tamén das conversas de texto e voz para poder asegurar o cumprimento das súas normas ou incluso para transferir a información ás autoridades pertinentes para cumprir coas distintas lexislacións locais. Cómpre destacar que non estamos ante unhas condicións de uso que resulten sorprendentes, pois normalmente buscan simplemente adaptarse ás distintas lexislacións para que Sony poida protexer os seus intereses (e, de feito, levan décadas incluíndo textos semellantes en videoxogos e numerosos produtos audiovisuais).