Os ordenadores baseados en Chrome OS non parecen ter conseguido facerse un oco en fogares e empresas, de aí que a estrea de Dell neste tipo de produtos orientando o seu novo Dell Chromebook 11 a estudantes e profesores, como un sistema doado e asumible para acceder á tecnoloxía na escola e na casa.
Dell quere aproveitar a súa presenza en máis de 400.000 aulas de todo o mundo para proporlles que adopten a tecnoloxía de Google nas súa actividades, conseguindo unha administración de equipos simplificada e reducindo custos grazas á orientación á nube deste tipo de ordenadores portátiles.
O Dell Chromebook 11 é un equipo cun procesador Intel Celeron 2955U de cuarta xeración, gráfica Intel HD Graphics, pantalla de 11,6 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, 2 ou 4 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (nunha unidade SSD que fai posible que o equipo se inicie en só 8,4 segundos), webcam de alta definición (720p), Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, 2 portos USB 3.0, saída HDMI, un grosor de menos de 2,5 centímetros, un peso de 1,3 quilogramos e unha autonomía de ata 10 horas.
Estes novos equipos de Dell baseados en Chrome OS comezarán a distribuírse a primeiros de 2014, inicialmente nos EE.UU. e Reino Unido, a un prezo que esperan que estea por debaixo dos 300 dólares (218 euros).
O Dell Chromebook 11 quere introducir Chrome OS en contornos educativos
Compartir Este Artigo

