Os xogadores de PC poden comezar a celebrar hoxe o inicio das rebaixas da tenda de xogos descargables Steam, que nestas datas realizará distintas ofertas que se dividen en dúas categorías: ofertas diarias (que mudan cada 24 horas) e ofertas flash (actualizadas cada 8 horas). Deste xeito, os usuarios desta plataforma dixital vense forzados a visitar a súa páxina web con máis frecuencia que de costume, véndose tamén tentados a adquirir algún dos grandes xogos do ano ao velo con descontos significativos.
Por exemplo, hoxe podemos adquirir os xogos Bioshock Infinite, Dishonored e Dead Island cun 75% de desconto, Metal Gear Rising: Revengeance cun 33% de desconto (sorprendendo especialmente este último caso por ser un xogo que aínda vai estrearse en PC o vindeiro 9 de xaneiro) e Batman Arkham Origins a metade de prezo. Outro dos atractivos destas compras é que durante estes días Steam está a ofrecer aos seus clientes obxectos virtuais coleccionables exclusivos (cromos, bolas de neve e recompensas), o que pode ser un interesante incentivo para os usuarios con afán coleccionista.
O período de rebaixas de Steam desenvolverase ata o 3 de xaneiro.
Steam inicia o seu período de rebaixas
Compartir Este Artigo
