Nun momento no que o mercado das consolas de videoxogos está nun momento crucial por mor da chegada da PlayStation 4 e a Xbox One temos que Nintendo acentúa o seu problema na actual xeración: deixar claro ao público que a Wii U non é un accesorio para Wii, senón un sistema completamente novo. E precisamente para iso veñen de estrear un anuncio nos EE.UU. no que teñen que insistir neste feito, o que é unha consecuencia da nefasta política de comunicación da compañía nipoa durante o lanzamento da Wii U.
Aínda que Nintendo teña que esforzarse agora para dar a coñecer a súa nova consola (que pasou desapercibida na anterior campaña de Nadal), non parece probable que vaia ter unha recepción do público semellante á da Wii, pois estamos nun contorno moi diferente a cando chegou a anterior consola doméstica, de xeito que o chamada público ocasional xa non é exclusivo de Nintendo, senón que tamén dedica boa parte do seu tempo de lecer a xogar en smartphones e tablets.
De todos os xeitos, a Wii U si podería ter este Nadal unhas vendas mellores das agardadas inicialmente, principalmente pola mellora do seu catálogo de xogos, que medrou considerablemente nos últimos meses, de xeito que sería a plataforma doméstica con máis xogos exclusivos neste momento, con grandes títulos como Super Mario 3D World e The Legend of Zelda: The Windwaker HD, aos que sumaranse en breve xoias como Donkey Kong Country: Tropical Freeze, Super Smash Bros. for Wii U e Mario Kart 8, e Nintendo incluso conseguiu que a secuela de Bayonetta vaia chegar o ano que vén en exclusiva para a súa consola.
Novo vídeo promocional da Wii U
Nintendo esfórzase para informar de que a Wii U non é un accesorio da Wii
Compartir Este Artigo
