Moito choveu xa dende que pasaron polos cines as tres primeiras películas do personaxe John Rambo (interpretado por Sylvester Stallone) e, aínda que o segundo e o terceiro filme xa contaron no seu día con sendos videoxogos, iso non impediu que o equipo de Teyon se animase a traballar durante 18 meses para ofrecer un novo videoxogo de Rambo, que condensará a triloxía cinematográfica para goce dos seareiros desta saga tan representativa do seu tempo.
O xogo xa está rematado, e chegará ás tendas españolas o 21 de febreiro, sendo tamén posible reservalo podendo facerse cun curioso moneco de Rambo como agasallo para os consumidores máis fieis. En Rambo The Video Game estaremos ante un xogo de acción en primeira persoa, no que participar en numerosos tiroteos, aínda que tampouco faltarán secuencias nas que será preciso empregar o sixilo. Deste xeito poderemos facer uso tanto do catálogo de coitelos de John Rambo, do arco e as frechas e de numerosas armas con grande potencia de fogo, moi na liña do que podiamos ver na grande pantalla. O xogo ofrecerá 16 misións e estará dispoñible para PS3, Xbox 360 e PC.
Para facernos unha idea do que achegará este novo xogo temos un novo trailer moi completo:
Rambo estreará videoxogo o mes que vén
Compartir Este Artigo
