Dlorean Ediciones, pequena editora cun ano de vida que publica novelas pulp, steampunk, de ciencia ficción e de fantasía épica quere ampliar o seu catálogo con cómics e incluso aplicacións para dispositivos móbiles, e para este último paso decidiu optar pola moda do micromecenado para buscar financiamento, para o que organizaron unha campaña en Verkami para achegar fondos para a creación do videoxogo móbil Master Friki, que permitiranos comprobar quen sabe máis sobre cómic, cine, videoxogos, literatura, televisión e rol, para o que pretenden conseguir 7.950 euros (obxectivo bastante ambicioso e posiblemente pouco realista).
En Master Friki poderemos rexistrarnos e configurar un avatar para despois poder retar a un amigo ou a un usuario aleatorio nunha categoría temática que elixamos, para despois ter que responder ao meirande número de preguntas no menor tempo posible para conseguir a maior puntuación. Completarán o xogo comodíns que permitirán conxelar o tempo ou eliminar 2 das 4 respostas posibles; as puntuacións almacenaranse nunha clasificación xeral en liña e organizaranse torneos semanais cos que poderán conseguirse lotes de libros, comics videoxogos…
O xogo pretende botar a andar con máis de 3.000 preguntas divididas nas categorías xerais de cómic, rol, literatura, videoxogos, cine e televisión; tamén existirán as categorías temáticas específicas de manga e anime, superheroes, fantasía épica, ciencia ficción e consolas; e para completar o produto ofreceranse categorías específicas de pagamento (series de animación dos anos 80, primeiros videoxogos e telecomedias).
Se a campaña de micromecenado trunfa o xogo pretende estar dispoñible a partir do vindeiro 25 de xuño para iOS e Android.
Un trivial friki para móbiles busca financiamento en Verkami
Compartir Este Artigo
