Hai pouco máis dun ano botou a andar en Facebook e Kongregate o videoxogo Game of Thrones Ascent, que levaba á web o universo da obra de George R.R. Martin aproveitando o éxito da serie de televisión inspirada na mesma, e agora que está a piques de comezar unha nova tempada do serial da HBO, Kongregate publica na App Store unha versión deste título adaptada ao iPad, que pode descargarse de balde para participar así deste mundo virtual ao que xa se achegaron uns 2,5 millóns de xogadores.
Game of Thrones Ascent é un xogo de construción de imperios, que incorpora elementos sociais para que os usuarios poidan xuntar forzas contra outros xogadores nun mundo máis inspirado nas novelas de Martin que na serie de televisión, aínda que mantendo a banda sonora desta última e algún detalle gráfico para que este xogo resulte máis familiar para o usuario.
O xogo permite unha achega diferente a esta atractiva historia, seguir a unha das grandes casas e atopar a personaxes familiares, forxar un exército, progresar como nobre e competir contra millóns de xogadores recibindo contido actualizado segundo vai avanzando a serie televisiva.
Game of Thrones estrea xogo para iPad
Compartir Este Artigo
