As solucións de altofalantes conectados son cada vez máis habituais, para poder acceder a servizos musicais en liña ou a música achegada dende equipos informáticos e dispositivos móbiles, e aínda que existen moitos produtos deste tipo no mercado, resulta difícil satisfacer a diversidade escenarios dende os que se demanda este tipo de tecnoloxía, especialmente no que a prezos se refire, de aí que unha destas propostas chegue a través de Kickstarter, plataforma moi atinada para buscar un público inicial mínimo e así facer rendible o lanzamento comercial do produto á vez que financiar os procesos finais que permitan levar ao mercado este proxecto.
A británica Musaic está así a buscar xuntar 60.000 libras esterlinas para facer realidade o sistema musical de alta fidelidade sen fíos da súa marca, que consistirá en altofalantes con Wi-Fi e Bluetooth que poderán controlarse a través de aplicacións para ordenadores (PC e Mac) e dispositivos móbiles (con Android e iOS).

Para adaptarse aos distintos currunchos da casa, os reprodutores Musaic chegan en dous modelos distintos: o cativo MP5 de 34,3 x 12,4 x 9,5 centímetros e unha potencial de 36 watts; e o MP10 de 41,2 x 14,6 x 11,5 centímetros cunha potencia de 60 watts. Parten de prezos de 160 e 230 libras esterlinas respectivamente (208 e 293 euros con portes incluídos).
Os dispositivos de Musaic soportan son en ficheiros estándar como MP3 ou AAC, así como en formatos sen compresión como WAV, FLAC, AIFF e ALAC, permitindo así unha reprodución de alta calidade de ata 192 KHZ a 24 bits. Aparte de Wi-Fi, tamén teñen conectividade Ethernet.
Espérase que estes produtos, que avanzan a bo ritmo cara a completar o seu financiamento, poidan remitirse aos seus mecenas a partir do mes de setembro.
Vídeo de presentación do sistema musical sen fíos de Musaic
Musaic quere achegar sen fíos son de alta fidelidade a calquera curruncho do fogar
Compartir Este Artigo

