Hoxe foi un día crucial para Xiaomi, non por incorporar 3 novos produtos ao seu cada vez máis nutrido catálogo, senón por sentar os alicerces da súa expansión internacional, xa que a compañía chinesa decidiu que, aínda que conservará o dominio xiaomi.cn para dirixirse ao seu mercado local, de cara ao resto do mundo vai facer uso do atractivo dominio mi.com (polo que a compañía pagou 3,6 millóns de dólares, sendo o dominio máis caro do negocio de Internet en China). Tamén adiantou que ao longo do ano vai abrirse a 10 novos mercados: Malaisia, Filipinas, India, Indonesia, Tailandia, Vietnam, Rusia, Turquía, Brasil e México.
No acto de presentación de hoxe o conselleiro delegado de Xiaomi, Lei Jun, quixo comezar anunciando o MiRouter, un produto que venderase a 699 iuans (81,12 euros) e que non só permitirá conectar dispositivos a través de Wi-Fi AC, senón que tamén albergará no seu interior un disco duro de 1 Tb, o que pode resultar de grande utilidade para compartir contidos multimedia con varios equipos/dispositivos ou para a realización de copias de seguridade automáticas.
Máis rechamante pode resultar o MiRouter Mini, que pese a ter un deseño semellante ao do Magic Trackpad de Apple, trátase dun router Wi-Fi AC de dobre banda capaz de mover datos ata a 1.167 Mbps, o que é todo un logro para un dispositivo á venda por só 129 iuans (14,97 euros). En vez de integrar un disco duro no seu interior, este pequeno router conta cun porto USB 2.0 para poder conectarse un disco duro externo e así poder compartilo en rede.

Xiaomi presenta tres novos produtos
Compartir Este Artigo

