Antes da febre dos videoxogos con accesorios con forma de instrumentos musicais dende Harmonix xa desenvolveran a primeiros da pasada década un par de xogos musicais para PlayStation 2, FreQuency e Amplitude, e agora queren recuperar este último para que poda gozarse na PlayStation 3 e 4, polo que están a organizar unha campaña en Kickstarter a través da que buscan xuntar 775.000 dólares para financiar o remake dun xogo que xa suma 11 anos ás súas costas.
Os interesados en facerse co novo Amplitude pode achegar 20 dólares para facerse co xogo cando chegue ao mercado en marzo de 2015, mentres que os que paguen 40 dólares terán un código para descargar o xogo nas súas dúas plataformas un par de semanas antes do seu lanzamento oficial.
Aínda que os mecenas deste proxecto poderán facerse con recompensas habituais como camisetas ou edicións para coleccionistas do xogo, os que realicen achegas de maior contía poderán optar a contraprestacións como cear cos fundadores de Harmonyx, organizar unha festa exclusiva na casa do mecenas ou incluso poder incluír unha canción no xogo da que se teñan os dereitos de explotación, o que podería ser unha excelente canle de promoción para algunhas formacións musicais (aínda que cómpre destacar que a organización resérvase o dereito de aceptar temas que encaixen no xogo e advirten de que remesturarán as cancións para que encaixen en Amplitude).
En Amplitude temos unha especie de montaña rusa na aparecen unhas xemas que silencian as notas musicais, polo que deberemos destruílas para poder liberar a música nunha auténtica tolería de carreira na que as xemas activarán riffs de guitarra, ritmos de baixo, golpes de batería, ritmos vogais… para así ir recreando unha canción mentres corremos a toda velocidade polas pistas que representan aos distintos instrumentos. Un xogo que mestura velocidade e ritmo, que promete renovar as súas mecánicas e que incluso contará con modos multi-xogador local de ata 4 xogadores, conseguindo recuperar o xogo orixinal con melloras para que a súa recuperación non decepcione aos seareiros deste tipo de xogos.
Vídeo promocional da campaña de micromecenado
Harmonix quere traer o clásico Amplitude de PS2 ás consolas actuais
Compartir Este Artigo
