A pasada fin de semana presentouse unha curiosa solución tecnolóxica que vai ver a luz en pouco máis dunha semana, o oRouter, un pequeno dispositivo baseado en Linux que pode lembrarnos a un Raspberry Pi, no que pode instalarse un cliente de rede Tor (solución de código aberto para garantir o noso anonimato na Rede), de xeito que serviría como intermediario non só para manter a confidencialidade das nosas comunicacións dende o ordenador, senón tamén dende dispositivos móbiles, como smartphones e tablets, nos que non sería preciso instalar software adicional.
O oRouter funcionaría con só conectalo a un porto USB para achegarlle corrente e sería capaz de xestionar ata 32 conexións á vez, converténdose nunha das solucións máis sinxelas e doadas de usar para movernos anonimamente pola Internet.
Este produto verá a luz cunha configuración básica que sería válida para a meirande parte de usuarios, agardándose que no futuro estean dispoñibles configuración máis avanzadas para que os usuarios máis técnicos poidan adaptar este produto ás súas necesidades.
oRouter preséntase como un xeito doado de navegar anonimamente con Tor
Compartir Este Artigo

