O recinto Feiral de EXPOCoruña abriu hoxe as súas portas para os afeccionados aos comics e á animación xaponesas ExpOtaku, evento que chega á súa quinta edición mesturando gastronomía xaponesa, tendas de manga e mercadotecnia, competicións, torneos de videoxogos, actuacións musicais en directo, obradoiros, xogos de mesa e incluso unha zona de robótica, atendendo á diversidade de público que acode a este tipo de celebración que se desenvolverá de 10:00 a 20:00 horas ata o vindeiro domingo.
ExpOtaku está a contar cunha completa zona de videoxogos, na que pode facerse uso libre dunha serie de equipos á vez que pode participar en distintos torneos (Guitar Hero III, Jojo’s Bizarre Adventure: All Star Battle, Naruto Shippuden Ultimate Ninja Storm 3 Full Burst,Dragon Ball Z Battle of Z, Soul Calibur V, Super Smash Bros. Brawl,Touhou: Hopeless Masquerade, Mario Kart 7, Pokémon X/Y, Tekken Tag Tournament 2, Halo Reach…), aínda que se bota en falta a prometida zona de ordenadores clásicos coa que ía contar o evento, que por problemas de última hora non puido instalarse, tendo que agardar os afeccionados ao retro a outros eventos dos vindeiros meses como Hobby Con e RetroCoruña.
Destaca nun curruncho de ExpOtaku a presenza de varios estudios de videoxogos galegos, de marcado carácter independente, como son Axóuxere Games (que organiza campionatos dos seus xogos Trap Ball e Planetary Shield para Xbox 360 e Shuriken Training HD para Android) e DemonKoffee (que agasallará cunha camiseta a quen consiga a maior puntuación no seu xogo Chanchan para Android). E non só podemos ver os xogos destes estudios, senón que incluso podemos ver en directo como a xente de DemonKoffee programa os seus títulos.
Como interesante novidade, este ano cóntase cunha zona de robótica na que pódese xogar ao Scalextric de xeito innovador (programando a pilotaxe automática mediante un ordenador ou controlando os vehículos coa mente) e tamén pódese participar nun obradoiro de LEGO Mindstorm.
ExpOtaku xunta a numerosos afeccionados aos videoxogos durante esta fin de semana
Compartir Este Artigo
