Cando Google amosou ao mundo de xeito oficial o seu proxecto Glass, sorprendía polo seu nome, xa que en inglés lentes dise glasses, mentres que glass significaría vaso, o que vén de aproveitar o humorista británico Shed Simove para iniciar unha campaña de micromecenado en Kickstarter para facer realidade o auténtico Google Glass, un vaso que ten gravado o logotipo de Google xunto a caixa de texto e o botón de busca propio do popular servizo web que producirase para os mecenas (pois xa conseguiu o financiamento preciso para converterse nunha realidade) durante o mes de xullo por un prezo que parte das 20 libras esterlinas (37 euros con portes incluídos) o que pode parecer moi caro para un vaso, pero moi barato para un produto chamado Google Glass.
O produto incluso pode personalizarse introducindo un texto na caixa de busca gravada na súa superficie exterior, o que podería resultar bastante axeitado para converter este produto nun agasallo, aínda que esta iniciativa tampouco está exenta de riscos, xa que carece de autorización oficial de Google, o que podería provocar que a compañía de Mountain View decidise que se retirase esta campaña por facer un uso da súa marca (aínda que o feito de que esteamos ante unha parodia non debería de provocar unha reacción de rexeitamento por parte do xigante tecnolóxico). O propio Simove xa comenta a xeito de broma que, de verse denunciado por Google, organizará outra campaña en Kickstarter para pagar as costas xudiciais.
Vídeo promocional da campaña de micromecenado
Un simpático proxecto de crowdfunding quere facer realidade o Google Glass
Compartir Este Artigo

