Dende Microsoft tiñan claro que querían centrar a súa presenza na feira E3 de Los Ángeles nos videoxogos, de aí que anunciasen con antelación o lanzamento dun modelo de Xbox One sen o sensor Kinect (para que non eclipsase aos grandes anuncios da compañía) de xeito que confirma o seu cambio de rumbo de cara á súa consolidación no sector das consolas. Pese ás capacidades multimedia da Xbox One, Microsoft preferiu modificar a súa estratexia por unha liña máis tradicional, de xeito que para competir con Sony optar por equiparar prezos das súas máquinas e ofrecer un bo catálogo de xogos e contidos exclusivos ou en primicia.
A conferencia desta tarde comezou amosando algúns títulos moi relevantes como serán Assassin’s Creed Unity (un Asssassin’s Creed ambientado na Revolución Francesa, cun modo cooperativo en liña moi avanzado), Call of Duty: Advanced Warfare, Evolve e Rise of the Tomb Raider (prometedor desenvolvemento de Crystal Dynamics que chegará a Xbox en 2015 continuando as aventuras de Lara Croft), que terán moito peso no catálogo de Xbox One, que tamén contará con potentes títulos exclusivos como o xogo de condución Forza Horizon 2, o refrescante título de acción Sunser Overdrive, o Dance Central Spotlight para atender a demanda de xogos de baile con Kinect e Halo: The Master Chief Collection, que permitirá rememorar a saga completa de Halo na nova consola antes da chegada do agardado Halo 5: Guardians, que estreará versión de proba multi-xogador a finais de ano (como parte da Halo: The Master Chief Collection).
Lionhead Studios amosaron o que será o seu vindeiro Fable Legends, título que moverase co Unreal Engine 4 e que desta volta sorprende porque non só contará cun modo cooperativo en liña, senón que tamén permitirá que un usuario controle os inimigos aos que haberá que enfrontarse.
Unha das propostas máis tolas foi un novo contido descargable para Dead Rising 3, que permitirá colocar a personaxes de Capcom dentro deste xogo de mata-zombis, que para facer tal dun xeito acorde aos títulos que teñen xogos como os da franquía de Street Fighter, recibe por nome Super Ultra Dead Rising 3 Arcade Remix Hyper Edition. Este contido descargable está dispoñible dende hoxe mesmo.
Outros títulos que tamén se deixaron ver na presentación de hoxe foron Dragon Age: Inquisition, co que BioWare quere manter vivo o seu universo de fantasía que tan boa acollida tivo nas súas anteriores entregas; Forza Motorsport 5, que seguirá a fórmula tradicional da saga en contraste coa variante Horizon; Happy Wars, un curioso título de acción multixogador free-to-play que chegará a finais de ano; Killer Instinct, que recibirá novos contidos durante a súa segunda tempada; Scalebound, unha aventura que chegará da man de Platinum Games e que ao contar coa dirección de Hideki Kamiya podería ser unha agradable sorpresa; Crackdown, que ofrecerá unha experiencia de grande destrución nun mundo aberto; continúa a evolución do Project Spark; e incluso puidemos ver algún detalle máis de Tom Clancy’s The Division e The Witcher 3: Wild Hunt.
Con todos estes produtos deixan claro dende Microsoft que a Xbox One está a construír un sólido catálogo de videoxogos para os vindeiros meses, o que debería contribuír a gañarse a confianza dos usuarios que nos últimos anos apostaran pola plataforma de xogos norteamericana.
Sunset Overdrive é unha das propostas exclusivas para Xbox One máis frescas
Assassin's Creed Unity deixou ver hoxe o seu coidado modo cooperativo
