O estudio independente Lince Works iniciou hoxe a súa carreira para acadar o financiamento da súa nova creación a través do micromecenado, pois estrean proxecto en Kickstarter, buscando facerse con 70.000 dólares que permitirá que o xogo Twin Souls: The Path of Shadows sexa unha realidade e marzo do ano que vén, para o que aceptan achegas que parten dos 15 dólares (uns 11 euros) para poder facerse cunha copia dixital do xogo rematado (coa correspondente clave para poder integralo na nosa biblioteca de xogos de Steam).
Este xogo para Windows, OS X e Linux pretende abrir a súa beta no mes de decembro, permitindo así que os mecenas poidan participar máis activamente na súa creación.
Estamos ante un título de infiltración na liña de clásicos como Tenchu: Stealth Assassins, aínda que combinando elementos de títulos máis modernos como Mark of the Ninja e Dishonored. Colocaranos no papel de Aragami, un espírito da vinganza invocado por Yamiko, unha moza misteriosa cativada nunha fortaleza á que haberá que liberar.
O xogo resulta especialmente rechamante pola súa estética e pola súa mecánica de xogo, xa que haberá que facer uso de poderes baseados nas sombras para poder superar a numerosos gardas e asasinar a certos obxectivos dentro dunha aventura que poderiamos considerar como un simulador de ninja (o que os seus responsables describen como un Assassin’s Creed no que eliminan as mecánicas de acción en favor das mecánicas de sixilo).
Os mecenas de Twin Souls recibirán, aparte dunha copia do mesmo en DRM e da mencionada clave de Steam, un skin exclusivo e a súa mención nos títulos de crédito do xogo, podendo optar a recompensas maiores (camisetas, posters, figuras impresas en 3D…) en función da cantidade económica aportada ao proxecto.
Vídeo promocional da campaña en Kickstarter de Twin Souls
