Nos últimos días un evanxelista de Firefox amosou un dispositivo con conexións HDMI que parecía ser unha alternativa ao Chromecast de Google que funcionaría con Firefox OS, levando incluso á xente de Mozilla a ter que negar que estivesen eles mesmos a traballar no trebello (xa que non fabrican hardware), pero dando a entender que si é posible que algún dos seus partners si este a realizar tal desenvolvemento, o que en Gigaom demostran que é máis que un rumor, xa que tiveron acceso a un prototipo deste dispositivo.
O trebello baseado en Firefox OS terían un funcionamento case idéntico ao do Chromecast, sendo incluso compatible coas aplicacións para o dispositivo de Google, polo que poderiamos velo como unha resposta máis aberta ao Chromecast, o que podería facilitar a eliminación de restricións como os tipos de contidos que poden reproducirse da Internet ou as poucas plataformas para as que está dispoñible o seu SDK (por exemplo, podería funcionar con dispositivos móbiles de Amazon e móbiles con Windows Phone).
De todos os xeitos, polo momento non se coñece ningún detalle sobre este desenvolvemento a nivel de produto, aínda que as filtracións dan a entender que podería comercializarse en poucas semanas.
Preparan unha alternativa ao Chromecast baseada en Firefox OS
Compartir Este Artigo

