Ver tecnoloxías como a de Google Glass na rúa pode resultar bastante rechamante, pero en cambio a súa aplicación para ámbitos máis concretos pode resultar máis natural, ou tal parece demostrar dende Skully Systems, compañía que vén de lanzar unha campaña de micromecenado en Indiegogo para facer realidade o seu casco de motocicleta SKULLY AR-1, triplicando o seu obxectivo (250.000 dólares) nas primeiras 24 horas, polo que vai camiño de converterse nun dos meirande éxitos nesta plataforma.
O SKULLY AR-1 é un casco moi completo, que integra un visor semellante ao das Google Glass, e que pode empregarse a xeito de retrovisor (grazas á cámara inserida na súa parte traseira) e para a navegación GPS. Este casco integra Bluetooth, de xeito que pode conectarse á Internet a través do smartphone, á vez que tamén integra audio para poder realizar chamadas en mans libres ou escoitar música mentres conducimos.
Este atractivo produto comercializarase en talles que van do S ao XXL en varias cores, funciona cunha batería recargable mediante micro USB (cunha autonomía de ata 9 horas de uso continuo), espera chegar a mans dos seus mecenas no mes de maio e o seu prezo dende España sería de 1.599 dólares (1.196,53 euros). Unha interesante achega para facer a condución en motocicleta máis completa, cómoda e segura.
Vídeo de presentación do casco SKULLY AR-1

