Rockstar Games anunciou hoxe as datas de lanzamento das novas versións de Grand Theft Auto V, grande éxito da compañía que finalmente dará o salto á nova xeración de consolas o 18 de novembro (cando poderá mercarse para Xbox One e PlayStation 4) mentres que os usuarios de PC terán que agardar ao 27 de xaneiro de 2015 para poder gozar deste xogo que contará con numerosas melloras fronte á versión de Xbox 360 e PlayStation 3.
Estas novas versións de GTA V presentarán importantes melloras a nivel técnico e visual, facendo de Los Santos e o condado de Blaine unha contorna aínda máis inmersiva. O xogo contará con novas actividades, novas armas, novos vehículos, máis vida salvaxe, tráfico máis denso, novo sistema de vexetación, efectos de danos e climatoloxía avanzados… toda unha serie de avances posibles grazas a que agora o xogo corre en máquinas moito máis potentes.
Aproveitaron a ocasión para engadir tamén unha maior riqueza musical a GTA V, de xeito que contará con máis dun cento de novas cancións e novas mesturas de DJ a través de 17 emisoras de radio.
Os usuarios que reserven a nova versión do xogo recibirán un millón de dólares en cartos do xogo (para gastar en GTA V e en GTA Online). Amais, as versión de PS4 e Xbox One incrementarán o número de xogadores en liña ata 30, posibilitándose tamén a migración dos personaxes e progresos da versión do xogo para a anterior xeración de consolas á nova (de feito, os anteriores xogadores de GTA V incluso recibirán contidos adicionais exclusivos).
Último trailer de Grand Theft Auto V
GTA V saltará á nova xeración de consolas en novembro
Compartir Este Artigo
