Os proxectos de micromecenado continúan a explorar o sector dos drons na procura de innovacións que permitan destacar e así conseguir o éxito, e nesta liña temos agora o Anura, que pretende ser un dron de peto asumible, para o que busca facerse con 100.000 euros para converterse nun produto viable.
Estamos ante un cuadricóptero en miniatura que busca ser económico, doado de manexar e controlado por un smartphone con iOS ou Android. Este trebello compacto integra unha cámara para tomar fotografías ou capturar vídeo e conta con Wi-Fi (para o control remoto e para poder transmitir en directo as imaxes que capta), que serían as súas prestacións básicas, aínda que de conseguir superar o milleiro de unidades encargadas a través do seu proxecto en Kickstarter procurarán engadirlle funcións de retorno ou aterraxe automática cun único clic, así como a posibilidade de que o cuadricóptero persiga ao seu usuario (ideal para a gravación de actividades deportivas).
Cómpre destacar que estariamos ante un produto moi limitado, xa que a súa cámara tería unha resolución de só 340 x 288 píxeles, control remoto a unha distancia de ata só entre 18 e 27 metros e cunha autonomía de entre 12 e 16 minutos. Pouco máis que un xoguete que pode encargarse a un prezo de 275 dólares (241,18 euros cos gastos de envío incluídos), que os seus mecenas recibirán en abril de 2015.
Vídeo promocional do cuadricóptero Anura
Anura, un cuadricóptero de pequenas dimensións que busca financiamento en Kickstarter
Compartir Este Artigo

