Levamos meses escoitando falar da posibilidade de que Microsoft lanzase ao mercado un smartwatch, rumor que foi transformando o produto nunha pulseira de actividade avanzada que finalmente ve a luz para acompañar ao lanzamento da plataforma Microsoft Health, coa que a compañía de Redmond quere facer doado realizar un seguimento da nosa actividade diaria e da práctica deportiva.
Microsoft Health rexistra datos sobre pasos, calorías, ritmo cardíaco e outros datos rexistrados por distintos dispositivos e servizos de actividade física que neste momento xa é compatible con UP by Jawbone, MapMyFitness, MyFitnessPal e RunKeeper, e que continuará ampliando a lista de servizos e trebellos compatible no futuro.

A información recollida mediante este servizo pode axudar a saber os exercicios que consumen máis calorías durante os nosos adestramentos, suxire tempos de recuperación baseados na intensidade dos adestramentos, mide os tempos de descanso efectivo durante o sono, permite coñecer a relación entre o noso desempeño físico e o horario laboral, axuda a coñecer os almorzos que nos axudan a correr máis rápido ou incluso facilítanos saber o impacto do traballo no descanso nocturno.
Para apoiar o lanzamento desta plataforma preséntase hoxe tamén a Microsoft Band, a agardada pulseira conectada de Microsoft, que está pensada para levar todo o día, e que mediante 10 sensores rexistra o ritmo cardíaco, as calorías queimadas, a calidade do soño e outros valores, servindo tamén como monitor de notificacións, de xeito que avisa de chamadas de teléfono, correos electrónicos, mensaxes de texto e actualizacións das nosas redes sociais, permitindo tamén acceder ao asistente de voz Cortana se contamos cun smartphone con Windows Phone (aínda que cómpre destacar que o trebello tamén é compatible con iOS e Android). Este produto sae inicialmente nos EE.UU. a un prezo de 199,99 dólares (158,88 euros) en tres tamaños.

Vídeo promocional da Microsoft Band
Microsoft estrea pulseira deportiva e plataforma para rexistrar a nosa actividade física
Compartir Este Artigo

