Sony está a levar un paso máis alá a súa aposta pola multimedia a través das súas consolas de videoxogos e presenta hoxe PlayStation Vue, un novo servizo de televisión baseado na nube que busca reinventar a experiencia de consumo televisivo facendo máis doado dar co contido que resulte do noso interese. O servizo contará co mellor da televisión en directo e cun robusto catálogo co último contido, conectando ao espectador coas novidades e o máis popular do audiovisual.
PlayStation Vue está a operar mediante beta privada para PS3 e PS4 en New York (agardándose que logo pase a probarse en Chicago, Philadelphia e Los Angeles), e pretende ofrecer unhas 75 canles por mercado, de xeito que permitirá ver películas, series de televisión e programas deportivos, e aínda que leve a marca PlayStation no corazón, tamén estará dispoñible para iPad e outros dispositivos (tanto de Sony como de outras compañías). Agárdase que a súa fase comercial bote a andar no primeiro trimestre de 2015.
Esta plataforma facilitaría o acceso aos programas e ás canles preferidas polo espectador, recomendando películas e series en base aos seus hábitos, facilitando a busca de material por numerosos criterios, permitindo ver os contidos tanto en directo como en diferido (os últimos 3 días de programación poderían reproducirse en calquera momento) e incluso permitiría a gravación dos nosos programas favoritos (que se manterían almacenados durante 28 días para poder velos nos momentos que máis se axusten á nosa axenda).
Para facernos unha idea do ambiciosa que é esta plataforma que parece querer competir directamente con operadores de televisión por cable e satélite, algunhas das canles coas que chegou a acordos Sony en EE.UU. para a súa incorporación a PlayStation Vue serían CBS, Discovery Channel, TLC, Animal Planet, Investigation Discovery, Science, OWN: Oprah Winfrey Network, Discovery Family Channel, FX, FXX, FXM, National Geographic Channel, Nat Geo WILD, FOX Sports 1, FOX Sports 2, BTN, YES Network, Prime Ticket, Bravo, CNBC, E!, NBCSN, Oxygen, Sprout, Syfy, Network, HGTV, Food Network, Travel Channel, DIY Network, Cooking Channel, BET, CMT, Comedy Central, MTV, Nickelodeon, PALLADIA, Spike, VH1… que poderán verse en distintos paquetes a prezos competitivos que se detallarán máis adiante, e que prometen unha grande flexibilidade, sen compromiso de permanencia e coa vantaxe de funcionar sen instalación, xa que para poder gozar do servizo só será preciso unha consola PS3/PS4 e un acceso á Internet de banda larga.
Sony quere competir coas plataformas de televisión de pagamento a través das consolas de videoxogos
Compartir Este Artigo
