Aínda que nos últimos días rumoreábase que para compensar dunha caída do servizo da PlayStation Network durante preto de 3 días a partires da xornada de Nadal (experimentándose problemas de conectividade incluso despois de declarado corrixida a incidencia) compensaríase cunha ampliación de 30 días da subscrición ao servizo PlayStation Plus e un par de xogos, finalmente Sony anunciou unha compensación totalmente decepcionante, que consiste na ampliación das subscricións en 5 días e cun código de desconto do 10% que poderá aplicarse a unha compra na PlayStation Store durante un tempo limitado.
A incidencia na plataforma en liña das consolas PlayStation durante as vacacións de Nadal foi unha grande molestia para os usuarios, que non puideron gozar do seu tempo de lecer como tiñan planeado, e ver que os compensan cun período de subscrición lixeiramente superior ao tempo de caída do servizo, á vez que inclúen un desconto que precisa de facer un gasto adicional nun período que non destaca precisamente polos seus bos prezos non parece o xeito máis axeitado de resarcir aos usuarios, e contrasta coa xenerosidade que as compañías de videoxogos tiveron no pasado.
Sony compensará aos usuarios de PlayStation pola caída da súa rede
Compartir Este Artigo
