Dende 2002 Nintendo leva ofrecendo aos seus clientes distintos programas de fidelidade, que en decembro de 2007 confluíron no actual Club Nintendo, que fai que os usuarios poidan acumular puntos (estrelas) por cada xogo que mercan para poder acceder a un catálogo de agasallos como fundas protectoras para consolas portátiles, camisetas, figuras, pins, parasoles, chaveiros, cadernos… toda unha sorte de mercadotecnia da compañía nipoa que estaba así ao alcance duns seis millóns de membros do programa que vai dicir adeus, estando previsto que o vindeiro 1 de abril os novos xogos en soporte físico deixen de incluír as tarxetas que permiten canxealos por puntos do Club Nintendo.

Pero o cesamento do Club Nintendo non suporá que Nintendo deixe de procurar a fidelización dos seus usuarios, xa que ao longo do ano prevén lanzar un novo programa a través do que recompensar aos usuarios pola compra dos produtos da compañía.
O Club Nintendo pechará o 30 de setembro
Compartir Este Artigo
