Nestes días nos que as distintas compañías do sector tecnolóxico están a amosar os seus resultados financeiros, a nipoa Nintendo tamén fai o propio, presentando os datos dos últimos 9 meses, e realizando a pertinente previsión dos resultados anuais para o período fiscal que rematará o 31 de marzo de 2015. Aínda que Nintendo leva anos padecendo a perda de peso no sector das consolas domésticas despois de non ser quen de replicar o éxito da Wii na Wii U, o feito de que as consolas portátiles consigan sobrevivir á emerxencia de smartphones e tabletas mantén a compañía no camiño da recuperación, o que confirmaron os bos resultados do Nadal.
Así, nos tres últimos trimestres de 2014 Nintendo conseguiu vender 3,03 millóns de Wii U e 7,08 millóns de Nintendo 3DS, conseguindo pechar o período cuns beneficios operativos de 31.604 millóns de iens (236,25 millóns de euros), e aínda que o presente trimestre pode ser negativo, coidan con poder rematar o ano fiscal con 20.000 millóns de iens de beneficios operativo, o que supón manter números negros, en contraste cos malos resultados anteriores.
Nintendo confía en pechar o ano fiscal con beneficios
Compartir Este Artigo
