Mentres o Apple Watch non remata de chegar ao mercado e os distintos smartwatches con Android Wear non conseguen consolidarse, a compañía que conseguiu trunfar en Kickstarter co seu reloxo conectado, Pebble, deu a coñecer que pechou 2014 colocando no mercado o seu smartwatch 1 millón, volume considerado como moi positivo para unha compañía independente, pero que sería unha cantidade moi modesta se estamos a falar dunha nova modalidade de dispositivo con vocación de converterse en masivo.
Algunhas estimacións sitúan en 800.000 as unidades de smartwatchs Galaxy Gear que Samsung tería colocado no mercado, o que faría aínda máis importante o número de unidades do Pebble que chegan ao público, aínda que a chave deste éxito relativo parece que sería o feito de que este reloxo é multi-plataforma e ten unha autonomía aceptable (grazas a adoptar tecnoloxía de papel electrónico na súa pantalla). Un detalle que tamén axudou a mellorar as vendas de reloxos foi a estrea do Pebble Steel, que ao adoptar unha carcasa de aceiro conseguiu unha estética máis elegante, que foi moito mellor recibida polo público, aínda que esta versión de luxo incrementa o seu prezo considerablemente (o Pebble normal venderíase actualmente a 129 euros, mentres que o modelo de aceiro custaría 229 euros).
Queda agora por ver se a chegada do reloxo de Apple dinamiza o sector, facendo que o Pebble venda aínda máis ou, pola contra, supón unha competencia demasiado dura.
Rumores sobre o Apple Watch

Espérase que a mediados de mes comecen as sesións formativas para os empregados das Apple Stores, para que aprendan o funcionamento do Apple Watch de cara ao seu lanzamento posiblemente no mes de abril.

