Os fabricantes de telefonía parecen ter claro que nos vindeiros meses os usuarios demandarán terminais con conectividade 4G incluso nos dispositivos de entrada, e así como Sony presentou o Xperia E4g, que por uns 129 euros ofrecerá LTE e unha boa autonomía, agora chega Motorola e dá a coñecer que o seu novo Moto E chegará ás tendas o vindeiro día 28 a un prezo recomendado de 129 euros, contando tamén co cada vez máis presente 4G.
O novo Moto E supón a incorporación dunha pantalla máis grande, un procesador máis potente, unha cámara con enfoque automático, unha cámara frontal, e o dobre de almacenamento interno, de xeito que é unha excelente actualización que fai que a gama baixa de 2015 goce de prestacións que en 2014 só tiñan os dispositivos de gama media, democratizando un uso fluído da tecnoloxía móbil.
Detallando as especificacións temos que o novo Moto E é un smartphone 4G con Android 5.0 que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 410 de catro núcleos a 1,2 GHz con gráfica Adreno 306, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD), pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 2.390 mAh (moi superior ao habitual en smartphones semellantes), recubrimento resistente á auga, 12,3 milímetros de grosor e 145 gramos de peso.
Vídeo promocional do novo Moto E
O Moto E renóvase integrando 4G e unha pantalla máis grande
Compartir Este Artigo

