Samsung quixo aproveitar a xornada de onte para presentar ao mundo os seus novos móbiles insignia de cara ao Mobile World Congress de Barcelona, que continúan na liña da compañía surcoreana dos últimos anos, aínda que na actualidade estes dispositivos de referencia xa non son as grandes estrelas do seu catálogo, no que tamén destaca a familia Note que aínda tardará uns meses en renovarse.
Os terminais presentados onte serían os Galaxy S6 e o Galaxy S6 Edge, que chegarán ao mercado cunha combinación de metal e cristal (con Corning Gorilla Glass 4) que busca dar unha aparencia Premium, deixando elixir aos consumidores entre varias cores inspiradas en xoias (branco perla, negro zafiro, ouro platino, azul topacio e verde esmeralda).
A nivel técnico estes novos smartphones presumen de cámaras de 16 e 5 Mpíxeles, que no caso da cámara traseira inclúen HDR, estabilización óptica de imaxe e balance de brancos mediante infravermellos; nova tecnoloxía de carga que sería 1,5 veces máis rápido que o Galaxy S5 (conseguindo 4 horas de autonomía en só 10 minutos de carga) e gozando tamén de sistema de carga sen fíos; procesador de grande potencial, pantallas de alta densidade… e incluso estrean a nova tecnoloxía de pagamento móbil Samsung Pay, que verá a luz nos EE.UU. na segunda metade do ano e da que aínda non se coñecen os detalles para Europa.

Vídeo de presentación dos novos smartphones de Samsung

