Microsoft gardou unha interesante presentación para a Game Developers Conference de San Francisco, onde Phil Spencer, director da división de Xbox, anunciou que a Xbox One vai verse beneficiada da estratexia unificadora de dispositivos de Windows 10, de xeito que os xogos tamén poderán espallarse a través de distintos trebellos e equipos dun xeito bastante doado.
Por unha banda Spencer confirmou que todos os desenvolvedores de videoxogos van ter dispoñible o Xbox Live SDK para Windows 10, que facilitará a creación de xogos que tiren proveito dos servizos de Xbox LIVE, e que ata o momento só estaba dispoñible para un reducido grupo de programadores).
A plataforma de aplicacións universais de Windows tamén permitirá que dende un mesmo proxecto poida crearse un xogo ou aplicación para PC, tabletas, smartphones e consolas Xbox (posibilidades que se abrirán coa chegada de Windows 10 este mesmo ano).
A Tenda de Windows tamén será unha grande plataforma para a comercialización de xogos, abrindo posibilidades como o cross-buy (ou sexa, que os desenvolvedores poderán permitir que un xogo poida executarse en varias plataformas de terse mercado só nunha).
O desenvolvedores tamén terán dispoñible un Centro de Desenvolvemento Universal, un portal para a construción e entrega de xogos para a Tenda de Windows, que tamén achegará información estatística sobre os títulos comercializados e facilitará a comunicación coa comunidade de xogadores.
Outras posibilidades que se abren nos vindeiros meses son o uso de DirectX 12 (sistema gráfico que supón un novo salto en calidade á vez que mellora o seu rendemento) ou a posibilidade de que os accesorios para Xbox One poidan empregarse en ordenadores con Windows 10 (a finais de ano porán á venda un adaptador sen fíos para poder conectar co ordenador os mandos de Xbox).
A presentación tamén serviu para confirmar que o programa ID@Xbox, que abriu a máis dun milleiro de estudios independentes o acceso a kits de desenvolvemento para Xbox One, tamén chegará a Windows 10.
Pero un dos anuncios de Spencer que resultou máis intrigante é que, nun momento no que Sony confirma que o seu casco de realidade virtual chegará ao mercado en 2016, dende Microsoft esperan que a súa prometedora tecnoloxía HoloLens poida ofrecer unha grande oportunidade para os creadores de videoxogos, aos que animou a inscribirse no programa Windows Insider para poder acceder ás API para HoloLens que estarán dispoñibles nos vindeiros meses (posiblemente durante a celebración do Build 2015).
Os desenvolvedores de xogos para Xbox One poderán aproveitar as posibilidades de Windows 10
Compartir Este Artigo
