Tras o éxito da Wii parece que Nintendo non consegue estar á altura, xa que o público ocasional que adquiriu a súa vella consola doméstica foi migrando paulatinamente a tabletas e smartphones, mentres que nas consolas de videoxogos quedaron principalmente os usuarios máis experimentados, o que permitiu que a Nintendo 3DS conseguise unha posición de forza, mentres que a Wii U perdeu folgos rapidamente, en boa medida por culpa de erros de comunicación que deron a entender que se trataba dun accesorio da anterior Wii.
Ante esta difícil situación Nintendo decidiu coller o touro polos cornos, e facer un movemento decidido para adaptarse aos novos tempos, par ao que pecharon un acordo con DeNA, unha compañía especializada na creación de xogos para dispositivos móbiles, de xeito que ambas firmas unirán forzas para crear novas oportunidades de negocio a nivel mundial. Deste xeito, veremos como as grandes franquías de Nintendo contarán con novos xogos para dispositivos conectados, o que non significa que as sagas de Nintendo vaian adaptarse a móbiles, senón que serán os seus personaxes os que aparezan en novos xogos, o que permitirá que os traballos de DeNA consigan un impacto global moito maior.
Os novos xogos poderían chegar a smartphones, tabletas e incluso ordenadores, así como as consolas de Nintendo, agardándose que poidamos ver os primeiros título o vindeiro outono, de xeito que non tería impacto no actual ano fiscal.
Novo concepto de
consola
Pero unha das cousas máis rechamantes do anuncio da alianza
con DeNA é que confirmaron que estaban a traballar nun novo concepto de consola
de videoxogos, chamado NX, do que aínda non deron detalles, pero que se
atendemos aos rumores que veñen circulando durante meses podería ser unha
especie de fusión de consola doméstica e portátil, o que resultaría moi
prometedor e podería ser unha excelente solución para Nintendo, compañía que
ten moitos problemas para producir xogos para dúas plataformas á vez (o que
resulta claramente visible no seu calendario de lanzamentos).
Esta nova consola sumaríase a móbiles, tabletas e ordenadores nunha nova
plataforma de xogo que tomaría o relevo do Club Nintendo, e que debería ver a
luz despois do verán.
