Aínda que hai un par de semanas publicáronse accidentalmente boa parte dos detalles do LG G4, non foi ata hoxe que o novo smartphone insignia de LG presentouse oficialmente, con eventos en New York, Londres, París, Singapur, Istambul e Seúl, de xeito que aproximadamente un milleiro de persoas puideron asistir á presentación do sucesor do LG G3, que apostará por mellorar a súa pantalla, a súa cámara e a súa aparencia externa, conseguindo converterse nun terminal máis atractivo, que podería ser un dos grandes éxitos de vendas do presente ano.
O LG G4 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 808 con X10 LTE, 3 GB de RAM LPDDR3, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD), pantalla IPS de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles (o que supón 538 puntos por polgada), cámara traseira de 16 Mpíxeles con apertura F1.8 e estabilizador óptico de imaxe, cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, NFC, USB 2.0 e batería extraíble de 3.000 mAh, polo que sería un dos terminais máis completos do mercado. Tería un grosor de entre 6,3 e 9,8 milímetros (xa que presenta un deseño lixeiramente curvado), pesa 155 gramos, funciona con Android 5.1 e venderase con carcasas de coiro de cor negra, marrón, vermella, azul ceo, beige e amarelo ou carcasas cerámicas de cor gris metalizado, branco cerámico e dourado brillante.
Temos así un smartphone que consegue destacar polo seu deseño (algo cada vez máis importante para non pasar desapercibido no mercado); cunha pantalla lixeiramente curvada (o que debería contribuír a unha mellor ergonomía e resistencia) e cun panel IPS QuadHD altamente sensible; cunha cámara traseira que non só recibe máis luz que o modelo anterior, senón que tamén é capaz de capturar imaxes en RAW; e finalmente non opta polo procesador Qualcomm Snapdragon 810 (do que continúan a escoitarse queixas polos seus problemas de quecemento) de xeito que en vez de 8 núcleos conta con 6.
Este teléfono comezará a comercializarse mañá mesmo en Corea do Sur, pasando en breve a distribuírse a través duns 180 provedores de todo o mundo, con prezos e datas de lanzamento que irán anunciando en cada mercado.
O LG G4 ve a luz oficialmente
Compartir Este Artigo

