O feito de que as criptomoedas non sexan tanxibles pode resultar incómodo para algúns usuarios, e atendendo a tal situación desenvolveron Case, un dispositivo co tamaño dunha tarxeta bancaria cunha pantalla cativa, un teclado numérico, un lector de pegadas dixitais, lector de códigos QR e unha tarxeta SIM global (permitindo conectividade de balde en máis de 100 países) deseñada para a xestión e uso de Bitcoin.
A idea deste trebello é que sirva como un moedeiro físico de Bitcoin, que poida levarse enriba e utilizarse dun xeito doado e seguro, de xeito que permitiría o envío e recepción de transaccións de Bitcoin a calquera lugar do mundo, sen ter que depender dun servizo de terceiros que poida ser vulnerable, e que resultaría especialmente indicado para a realización de intercambios de Bitcoin cara a cara.
Este produto pode xa reservarse por 199 dólares (186,39 euros cos gastos de envío incluídos), prezo que parece ser o principal atranco para a súa popularización, pero os seus responsables confían no trebello pola súa seguridade, xa que sería a solución deste tipo máis fiable á venda, ao ofrecer distintos factores de identificación: as cadeas de Bitcon codifícanse con 3 chaves (unha integrada no propio dispositivo, outra nos servidores do fabricante que desbloquéase coa pegada dixital, e unha terceira chave para casos de emerxencia, que almacenarase fóra de liña), sendo preciso 2 para completar unha transacción. Contará inicialmente cunha produción de 1.000 unidades que entregaranse aos seus compradores no verán.
Presentación en vídeo do dispositivo
Case, un curioso moedeiro de Bitcoin centrado na seguridade
Compartir Este Artigo

