Nos últimos meses non son poucos os xogos de Star Wars que rexurdiron para o seu goce en equipos actuais, e para que os trekkies non sexan menos dende GOG.com están a recuperar varios xogos de Star Trek publicados na década dos 90, que será a primeira vez que se comercialicen en formato descargable.
Por unha banda temos o aclamado Star Trek: 25th Anniversary, xogo que chegaban en 1992 para celebrar o primeiro cuarto de século da serie de televisión de Gene Roddenberry, e que permitíanos encarnar ao capitán James T. Kirk nunha aventura point-and-click que recreaba bastante ben a esencia da ficción televisiva, explorando diferentes mundos e interactuando con razas alieníxenas e curiosos artefactos. Como detalle de agradecer a súa dobraxe contaba coas voces dos actores orixinais da serie televisiva (William Shatner, Leonard Nimoy, DeForest Kelley, James Doohan, George Takei, Walter Koenig e Nichelle Nichols). É compatible con Windows, OS X e Linux e pode adquirirse por 5,69 euros.
Na mesma liña chegou a súa secuela en 1993, Star Trek: Judgement
Rites, que ofrece unha experiencia un pouco máis pulida e renovada,
ambientando a acción cando está a piques de rematar a misión quinquenal do USS
Enterprise. Como o título anterior, tamén está á venda por 5,69 euros para
Windows, OS X e Linux.
Máis diferente é Star Trek: Starfleet
Academy¸ xogo de 1997 que tocoulle padecer unha época na que os ordenadores
podían ofrecer unha gama de cores que permitían certo realismo, levando a
incorporación de secuencias de acción real nas que incluso podemos ver
aparicións estelares de William Shatner e George Takei, pero que dado o nivel
técnico do vídeo en ordenadores naquela época estamos ante un produto que
claramente envelleceu mal. O xogo permítenos revivir numerosas misións da Flota
Estelar, incluíndo moitos dos encontros do Capitán Kirk que puidemos ver tanto
nas películas como na serie de televisión orixinal. Está á venda por 5,69 euros
e desta volta só está dispoñible para Windows.
